Monday 06 de May de 2024

A Xunta conmemora o Día da Ilustración dedicado a María Antonia Dans cunha vintena de actividades


— Os actos deste ano renden homenaxe á pintora galega, un dos nomes máis destacados da ilustración na nosa Comunidade

— A programación da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades inclúe mostras bibliográficas, obradoiros, contacontos ou exposicións sobre o seu legado

A Xunta de Galicia conmemora o Día da Ilustración 2023 cun amplo de abano de actividades nas bibliotecas de xestión autonómica sobre o legado de María Antonia Dans, artista á que se homenaxea este ano. A programación, presentada hoxe polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, está composta por obradoiros, contacontos ou exposicións sobre ela e a súa traxectoria.

Tal e como explicou Anxo M. Lorenzo, a peza central do programa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades é a mostra bibliográfica María Antonia Dans, a maxia da cor, que se inaugurará na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura coincidindo con esta efeméride que se celebra o 30 de xaneiro. “Un ano máis colaboramos coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración na organización dunha exposición arredor do homenaxeado nesta data”, explicou antes de engadir que tras lembrar a Lolita Díaz Baliño en 2021, este 2023 é a quenda de María Antonia Dans, “unha das súas alumnas”.

Así, os seus debuxos naturalistas e coloristas que quedaron impresos en diversos libros e xornais mostraranse, entre outros documentos, nesta exposición que se poderá ver desde o vindeiro luns ata o 12 de maio no Edificio do Arquivo e Biblioteca de Galicia. Ademais, o vindeiro sábado 4 de febreiro este espazo acollerá o obradoiro Ilustremos en galego dirixido a rapaces de máis de 14 anos.

Actividades para a rapazada
Na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, onde se celebrou hoxe o acto de presentación, a programación prevista inclúe unha sesión de contacontos o sábado 28, a partir das 12,00 horas, para nenos de entre 3 e 8 anos. Ademais, acolle ata o 28 de febreiro a mostra bibliográfica Maria Antonia Dans: Si no fuera mujer, mis cuadros se pagagarían el doble e a exposición infantil Ilustradoras galegas.

Por outro lado, a rapazada de 6 a 12 anos poderá asistir o sábado 28 de xaneiro, ás 19,00 horas na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, ao obradoiro Laboratorio Zoo-Ilóxico baseado no libro O meu pesadelo favorito escrito por María Solar e ilustrado por María Lires.

Xa na provincia de Lugo, a Biblioteca xestionada pola Xunta ofrece o sábado 27 o obradoiro Historias sen palabras a cargo de Noemí López. Nesta actividade para nenos de entre 6 e 12 anos daranse as pautas para coñecer o traballo da narración ilustrada de ficción e dos profesionais da ilustración para crear personaxes e secuencias dunha historia en imaxes.

Selección de cubertas ilustradas
A Biblioteca Pública Nós de Ourense, pola súa banda, celebra esta efeméride coa mostra Pintando a vida composta por libros ilustrados, albums e debuxos que se poden ver na Sala Infantil ata o 5 de febreiro. A programación complétase coa exposición Portadas ilustradas e algo máis na que se inclúe unha selección de novelas con cubertas debuxadas, ilustracións e outros libros divulgativos nos que esta técnica é especialmente importante. Pode visitarse no Espazo Xove do 26 de xaneiro ao 28 de febreiro.

Así mesmo, a biblioteca da cidade das Burgas tamén acolle o obradoiro Liñas que emocionan a cargo de Sabela Gago e Alba Fernández no que os participantes de 6 a 11 anos poderán elaborar unha ilustración que exprese as súas emocións. Será o sábado 28 ás 12,00 horas e ese mesmo día, ás 11,30 horas, Yago García Rodríguez impartirá a actividade Desenvolvemento da creatividade a través do debuxo para rapaces maiores de 12 anos e adultos.

En Pontevedra, a Biblioteca Pública Antonio Odriozola ten previsto unha programación para todos os públicos na que se inclúen obradoiros, sesións de contacontos, seleccións de libros e a exposición María Antonia Dans e o neoexpresionismo que se poderá ver ata o 10 de febreiro.

Talleres de debuxo
Así, o venres 27 de xaneiro, ás 18,00 horas, o público familiar poderá asistir ao contacacontos e obradoiro de debuxo De cando María Antonia Dans decidiu ser pintora. Ademais, o centro tamén ofrece ata o 12 de febreiro a selección de libros As imaxes contan con publicacións ilustradas dirixidas ao público infantil.

A Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo, pola súa banda, celebra esta data co obradoiro Luces e sombras que imparte Carmen Pintos ás 18,30 horas o día 30. Ademais, o sábado 28 de xaneiro María Vilar ofrecerá un taller sobre banda deseñada para nenos de 6 anos ás 12,30 horas. A programación complétase coas exposicións bibliográficas María Antonia Dans: retratar a humildade do cotiá, que se poderá ver ata o 17 de febreiro, e María Antonia Dans: debúxame un conto, composta por reproducións de ilustracións da pintora e dispoñible ata o mesmo día.